O Flash quere saltar aos televisores

luns, 20 de abril do 2009 Marcus Fernández

Adobe está a preparar o desenvolvemento da súa tecnoloxía Flash en dispositivos conectados á Internet coma televisores, receptores de Blu-ray, set-top boxes e outros trebellos do lecer dixital doméstico, de xeito que a interactividade e o acceso ao vídeo que achega esta tecnoloxía poderá estar presente en contornos tradicionalmente pasivos.
A tecnoloxía Flash cobrou unha importancia moi elevada na web grazas a que é a que goza de máis popularidade á hora de amosar vídeos incrustados, e agora empresas coma Intel, Comcast, Disney Interactive, Netflix, Atlantic Records e o New York Times colaborarán con Adobe no desenvolvemento desta solución tecnolóxica e novos contornos, centrando os esforzos actuais en achegar o Flash aos televisores por distintas canles, para máis adiante trasladarse tamén aos móbiles (para o que é preciso que os terminais teñan máis potencia de cálculo e memoria que os actuais).
Actualmente xa hai televisores que acceden a servizos web grazas á colaboración entre Intel e Yahoo!, pero de sumarse máis impresas nesta dirección estaremos máis próximos na universalización da Rede.