O Foro Autonómico TIC de Gartner celebra a súa primeira edición en Galicia

xoves, 10 de outubro do 2019 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, abriu esta mañá o IV Foro Autonómico TIC de Gartner, o primeiro que se celebra en Galicia e no que participan os responsables da área de transformación tecnolóxica doutras sete comunidades autónomas, abordaranse os retos das administracións públicas para impulsar a transformación dixital no seus territorios de cara a vindeira década.
A responsable da AMTEGA expuxo no Foro a traxectoria do actual Goberno galego na dixitalización da Comunidade e avanzou as liñas da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030, que fai foco no posicionamento do ecosistema dixital galego nas tecnoloxías disruptivas. En liña coas directrices da Unión Europea, o Goberno autonómico apostará na nova folla de ruta polo 5G, a Intelixencia Artificial, o Big Data ou a Ciberseguridade.
Os analistas de Gartner abordaron aspectos chave para as Administracións públicas como as estratexias para incluír as TIC na axenda política, os modelos de financiamento para a transformación dixital ou a evolución das infraestruturas tecnolóxicas para dar resposta ás demandas futuras derivadas da dixitalización.
A AMTEGA formalizou este ano un acordo con Gartner para compartir co sector tecnolóxico o coñecemento de expertos internacional de primeiro nivel en transformación dixital. A multinacional americana, referente para a toma de decisión en estratexias de investimento en tecnoloxía, tanto para empresas como para Administracións, está a colaborar coa Axencia autonómica na elaboración da Estratexia dixital galega 2030.

PUBLICIDADE