O Foro da Comunicación e Voluntariado celebra unha xornada presencial logo de meses de traballo na Web
martes, 11 de marzo do 2008
Os medios de información (en papel e dixitais, pequenos e grandes) e a comunidade educativa xogan un papel fundamental na posta en marcha de calquera convocatoria colectiva de voluntariado. Tendo en conta isto e tendo en conta que estas accións chegan máis lonxe se contan cunha ampla concorrencia, unha situación ideal para quen pon en marcha este tipo de actividades sería a dunha comunicación total cos medios e os ámbitos educativos. Afianzar as ligazóns entre estes eidos é o gran obxectivo do Foro de Comunicación e Voluntariado que chega este sábado 15 de marzo á súa parte presencial (logo dunha primeira parte en liña) e que sen enmarca dentro Seminario Permanente de Xornalismo Social organizado polo Observatorio Galego dos Medios.
Na imaxe, voluntarios recollendo chapapote tralo afundimento do Prestige.
A xornada, que se vai desenvolver na sede da Fundación Caixa Galicia a partir das 10 da mañá, ten (como dixemos) o obxectivo de inverter a situación de déficit informativo das accións voluntarias nos medios. “Malia a importancia que o voluntariado ten no noso entorno”, indica o Observatorio, “semella que a súa presenza mediática está lonxe de dar cabida ós intereses dos colectivos máis desfavorecidos, por iso, o cometido do Foro sobre Comunicación e Voluntariado diríxese a tentar axudar a rachar con esta situación, engadindo algunhas ferramentas máis ás xa existentes para a análise”.
Nesta xornada estarán presentes membros de organizacións de voluntariado como Santiago González Avión da Fundación Secretariado Gitano e Carmen Díaz Simón de Educadores para a Paz; representantes do eido académico como José Antonio López Rey da Universidade da Coruña e Luís Álvarez Pousa docente da Universidade de Santiago de Compostela e director do Observatorio Galego dos Medios; así como os xornalistas María Yáñez, Xaime Leiro (El Correo Gallego) e Víctor Rodríguez (Faro de Vigo).
Os interesados en participar no Foro Internacional de Comunicación e Voluntariado poden confirmar a súa asistencia a través do correo electrónico observatorio@xornalistas.com ou o teléfono 981 936709.
A participación é gratuíta e emitirase un certificado de asistencia con validade curricular.
