O Gamelab de Barcelona celebrarase virtualmente

mércores, 29 de abril do 2020 Marcus Fernández

O Congreso Internacional de Videoxogos e Ocio Interactivo que acolle Barcelona dende 2011 confirma que entre os días 23 e 25 de xuño celebrarase co nome de Gamelab Barcelona 2020 Live, denominación coa que esta XVI edición busca reflectir que estamos ante un evento adaptado ao contorno dixital forzado pola pandemia. Pero a virtualización deste evento non supón unha redución do seu programa, que contará con relatorios, seminarios, obradoiros, charlas maxistrais e coloquios en liña nos que poderán participar principalmente profesionais do sector dos videoxogos, aínda que tamén estará aberto a público afeccionado e estudantes.
A inscrición ao congreso poderá realizarse vía web e será de balde para as principais conferencias, mentres que certos servizos máis especializados e de networking contarán con tarifas especiais, cun desconto superior ao 80% como medida para facer máis accesible esta sección a todo o sector.
A nova edición do Gamelab tamén incluirá a entrega dos Premios Nacionais á Industria do Videoxogos, galardóns que chegarán á súa décima edición, e que recoñece os proxectos máis destacados de estudios e profesionais en España.

PUBLICIDADE