O Goberno fai balance positivo do seu programa Sanidade en Liña
luns, 2 de febreiro do 2009
O Secretario de Estado de
Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria,
Turismo e Comercio, Francisco Ros, vén de presentar, xunto con outras
personalidades responsables do servizo de saúde español e mailo director xeral
de Red.es, Sebastián Muriel, o informe As
TIC no Sistema Nacional de Saúde: O prégama Sanidade en Liña, que indica
que “España se colocou á vangarda na
aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) á sanidade”.
O programa Sanidade en Liña iniciouse en 2006 e dende entón supuxo un
investimento conxunto de máis de 250 millóns de euros aportados polo Ministerio
de Industria, Turismo e Comercio, o Ministerio de Sanidade e Consumo e as
Comunidades Autónomas.
Entre os seus obxectivos principais
destacan os de acelerar os prazos para que os cidadáns se beneficien das
vantaxes da sanidade dixital, diminuir a fenda na incorporación das TIC á
sanidade e reforzar as súas infraestruturas.
O informe conclúe que logo de máis
dunha década de traballo, os servizos de saúde “acadaron un alto grao de
informatización”, e as cifras que a continuación se expoñen así o demostran:
O 96 por cento dos centros de saúde dispoñen dunha solución informática para facilitar a xestión clinico-asistencialdos médicos de familia e os pediatras.
No 97 por cento das visitas aos centros de saúde, os médicos consultan a historia clínica de primaria, rexistran o resultado da consulta e prescriben medicamentos a través de medios informáticos.
O 65 por cento dos centros de saúde españois ofrece o servizo de cita por Internet para as consultas de atención primaria, o que supón que 21 millóns de cidadáns teñen á súa disposición este sistema.
O 97 por cento dos hospitais dispón de sistemas de información para a xestión das admisións, camas, axendas e citas de consultas externas, mentres que o 85 por cento conta con sistemas de xestión de radioloxía, anatomía patolóxica e farmacia unidose.
Asemade, o informe tamén destaca os
esforzos realizados nos últimos anos polas Administracións que integran o SNS
para incorporar as TIC aos servizos sanitarios. Estes cristalízanse na
existencia dunha axenda conxunta en tódalas administracións e unha coincidencia
plena da necesidade de colaboración para garantir a interoperabilidade
tecnolóxica en tres grandes liñas de actuación: a tarxeta sanitaria individual,
a Historia Clínica Electrónica e a receita electrónica.
