O Goberno galego activará este ano o programa TransformaTIC para impulsar o medre do noso sector

venres, 21 de xuño do 2013 Redacción

Consello Reitor de AMTEGA, presidido por Mar Pereira e Alfonso Rueda

A nosa terra contará este ano cunha nova iniciativa para collermos pulo, dende o sector TIC, no espallamento cara a novos mercados e novos chanzos de produtividade. Así informou AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) tras o seu Consello Reitor, no que se avaliou polo miúdo este novo programa, o Plan TransformaTIC, unha iniciativa dirixida a xuntar os recursos cos que conta co Goberno galego para crear e desenvolver unha estratexia única de crecemento e competitividade TIC. Esta iniciativa”, informa a Axencia, “formúlase como unha acción de Goberno, liderada por AMTEGA como órgano responsable da política tecnolóxica da Xunta, que contará coa colaboración e a implicación dos axentes do sector: o Clúster TIC, os centros tecnolóxicos, os grupos de investigación e as tres universidades Galegas para xuntar esforzos, aliñar obxectivos e favorecer o crecemento do sector”.
A xuntanza do máximo órgano da Axencia estivo presidida polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e está integrado por representantes das oito consellerías. Segundo fixeron saber, o programa TransformaTIC busca impulsar un sector TIC integrador que apoie o desenvolvemento do resto dos sectores estratéxicos de Galicia e, ao mesmo tempo, sexa quen de afianzarse como sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado. Para acadalo, o Goberno galego “traballará no aliñamento entre as necesidades tecnolóxicas do sector público e os sectores produtivos e a oferta tecnolóxica do tecido tecnolóxico-dixital”. Isto, engadiuse no Consello Reitor, “traducirase no eido público no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos articulados a través da compra pública de tecnoloxía innovadora e de proxectos tecnolóxicos de gran envergadura para os sectores estratéxicos para Galicia”. Deste xeito, “o sector público poderá dispoñer das solucións máis avanzadas na prestación de servizos e avanzarase na incorporación efectiva da tecnoloxía nos principais sectores produtivos”.

PUBLICIDADE