O IV Hackathon Big Data & Analytics celébrase hoxe e mañá no Gaiás

venres, 6 de marzo do 2020 Redacción

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de DXC Technology (CEIN) en colaboración coa AMTEGA, Intecmar e Meteogalicia, convoca a cuarta edición do Hackathon Big Data & Analytics, que se celebra hoxe e mañá na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.
Este Hackathon continúa co compromiso do CEIN de potenciar e desenvolver o sector TIC galego e englóbase dentro das iniciativas do plan Digitalent da Amtega para promover as vocacións tecnolóxicas, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Analytics & Big Data. O obxectivo é competir durante dous días no desenvolvemento de ferramentas de apoio aos afeccionados e profesionais do mar e dos deportes acuáticos, tendo en conta as variacións esperadas, nos parámetros atmosféricos e marítimos, debidas ao cambio climático.
Os integrantes dos equipos inscritos no IV Hackathon Big Data & Analytics DXC participarán nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 6 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por DXC.
Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas categorías de mellor solución global e mellor proposta de valor
Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria. A entrega de premios e diplomas acreditativos realizarase no MyCOAST 3rd Regional Workshop, que terá lugar en Santiago de Compostela o 26 de marzo. O horario do Hackathon será de 17:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

PUBLICIDADE