O Internet Explorer 7 será unha actualización crítica de Windows

mércores, 23 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Para protexer ós usuarios de Windows ante certas ameazas que pululan pola Rede, Microsoft decidiu que calquera puidera descargar o Internet Explorer 7 sen precisar de contar cunha copia legal de Windows, o que era unha clara medida para manter máis segura a Internet, pois multitude de aplicacións malignas aproveitaban fallos de seguridade do vello navegador para infectar os equipos de moitos usuarios.
Como o Internet Explorer 6 aínda conta cunha forte presenza no mercado, decidiron que a partires do vindeiro 12 de febreiro, a actualización que incorpora o IE 7 ó sistema operativo será considerada coma de seguridade crítica, ou sexa, que será automática para os sistemas que empreguen o Windows Update, o que será unha grande noticia para os usuarios e para os desenvolvedores de páxinas web, que poden ver coma os seus deseños se ven máis respectados por un navegador que mellora considerablemente en soporte de estándares e en prestacións (coma o acceso a fluxos RSS, unha solución anti-phishing, etc.).