O Internet Explorer 8 xa conta cunha versión de proba case final

mércores, 28 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Os WebSlices son unha das novidades do IE8

Os usuarios curiosos que gusten de probar as versións de proba dos programas informáticos, poden xa achegarse á Release Candidate 1 do Internet Explorer 8, que é unha versión case final do navegador de Microsoft que xa presenta unha plataforma plenamente rematada, con melloras de seguridade (coma o sistema InPrivate) e que debería servir para estudar o seu rendemento e compatibilidade.
Esta nova versión do Internet Explorer 8 está dispoñible en multitude de linguas e tanto para Windows XP como para Vista (entendemos que ao Windows 7 Beta chegará a través dunha actualización do sistema operativo), e corrixe moitos dos problemas detectados en anteriores versións de proba, polo que o seu uso parece carente de risco.
Entre as novidades deste Internet Explorer estaría a posibilidade de re-abrir de xeito doado as fichas pechadas accidentalmente (sen ter que consultar o historial), o mencionado modo InPrivate (alcumado como modo porno) e os WebSlices, que nos permite estar ao tanto dun contido concreto dunha páxina web (como a información meteorolóxica ou o a cotización bolsista dunhas accións publicadas nunha web económica).
O Internet Explorer 8 pretende reforzar a presenza do navegador de Microsoft, que aínda que segue a ser maioritario, está a ver cómo cada día hai máis xente pasando a Firefox e mesmo a Google Chrome, aínda que parece que chega con pequenas melloras para reter aos fieis usuarios do navegador incluído de serie en Windows.