O Microsoft Works 9 podería ser de balde

martes, 31 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A primeiros de mes rumoreábase que Microsoft podería sacar unha versión reducida do seu Office que sería de balde (financiándose mediante publicidade) e agora parece que se concretará no que sería unha versión lixeira do Microsoft Works 9, o que suporía un aforro de preto de 50 dólares para os usuarios.
O Microsoft Works inclúe no seu paquete ofimático aplicacións de caderno de direccións, calendario, folla de cálculo, dicionario, visor de presentacións de PowerPoint, procesador de textos básico e un sistema de moldes para os nosos documentos, atopándose actualmente na súa versión 8, agardándose que a súa actualización inclúa soporte para os formatos de Office 2007 e soporte para os Windows XP de 32 e 64 bits.
O lanzamento desta nova versión aínda non é oficial, polo que non hai confirmación de que sexa de balde e conte con publicidade, pero tal posibilidade parece moi posible ante a actual competencia con produtos de balde coma OpenOffice.org.