O Nokia Lumia 920 está a ter unha demanda moi forte

luns, 19 de novembro do 2012 Marcus Fernández

As tendas están a ter problemas para satisfacer a demanda do Nokia Lumia 920

Este mes están a comezar a chegar ás tendas os móbiles con Windows Phone 8, e ao contrario do que aconteceu cos predecesores con Windows Phone 7.5, desta volta parece que a demanda está a ser elevada, cando menos no que ao Nokia Lumia 920 se refire, que nos países aos que están a chegar as primeiras unidades teñen problemas para atender a demanda.
Deste xeito, en Alemaña o Lumia 920 parece estar totalmente esgotado en tendas como MediaMarkt, Saturn, Amazon.de e outras, ata ter Nokia que avisar a través de Facebook de que os novos móbiles Lumia están a ter unha demanda moi alta, polo que están a traballar para intentar atender aos pedidos para que os Lumia 920 poidan verse pronto de novo nas tendas. Ao parecer, é a primeira vez que a Nokia acontécelle algo semellante en Alemaña.
Pero o país xermano non é o único no que hai problemas para facerse co Nokia Lumia 920, senón que a operadora australiana Telstra, as tendas Clove en Reino Unido e as tendas Wallmart en EE.UU. xa esgotaron as reservas do smartphone, e AT&T tamén ten problemas para atender os pedidos. Esta semana debería comezar a venderse o agardado móbil en España, pero en vista dos problemas de stock parece que haberá que gardar unhas semanas para poder facerse co terminal con certa normalidade.