O Plan de Extensión da Banda Larga do Goberno leva cobertura ao 99 por cento da poboación
martes, 19 de maio do 2009
O secretario de Estado de Telecomunicacións
e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, que compareceu hoxe perante a
Comisión de Entidades Locais do Senado, vén de facer públicos os resultados do
Plan de Extensión da Banda Larga (PEBA) levado a cabo polo Ministerio de
Industria, Turismo e Comercio no marco do Plan Avanza.
Segundo afirmou Ros, o PEBA, desenvolvido
no periodo 2005-2008, tiña como obxectivo “conseguir
a dispoñibilidade da banda larga en zonas rurais e ailladas do territorio
español nunhas condicións técnicas e económicas similares ás existentes nas
zonas urbanas” e o resultado non puido ser máis satisfactorio: “a cobertura da banda larga en España acada
actualmente o 99 por cento da poboación”.
En total, máis de 8,36 millóns de cidadáns
beneficiáronse deste Plan, que levou a cabo actuacións en 58.442 núcleos de
poboación pertencentes a 5.706 concellos.
En Galicia, a poboación beneficiada foi
de 1.231.126 persoas, dun total de 313 concellos distintos e 28.850 núcleos de
poboación.
Este plan levouse a cabo en coordinación
con iniciativas similares das CCAA e seguindo unha serie de principios xerais:
equidade e cohesión territorial, preeminencia da iniciativa privada, libre
competencia e neutralidade tecnolóxica.
Durante a súa comparecencia, o secretario
de estado tamén se referiu ao Plan de Extensión da Telefonía Móbil, grazas ao
cal se extendeu e mellorou a cobertura dun total de 5.747 núcleos de poboación,
coa instalación de 5.036 estacións base. Estas actuacións beneficiaron a
1.102.906 habitantes.
Asemade, Ros detallou as actuacións en
materia de cobertura realizadas no marco do Plan de Transición á TDT. Segundo
os últimos datos dispoñibles, a cobertura da TDT sitúase xa no 94,83 por cento
da poboación.