O Proxecto Nós fai unha proclama a empresas e entidades para colaboraren en materia de IA e lingua galega

luns, 12 de xaneiro do 2026 S. P.

O Proxecto Nós, proxecto impulsado pola Secretaría da Lingua e materializado pola USC para reforzar a presenza do galego na tecnoloxía dixital (impulsando o desenvolvemento de recursos lingüísticos, modelos de intelixencia artificial e ferramentas que permitan o seu uso natural en contornas actuais e futuras), comezou o ano facendo unha chamada á colaboración empresarial no marco de ALIA.
Trátase, máis polo miúdo, dunha proclama dirixida empresas e entidades interesadas en participar na ideación, deseño e desenvolvemento de casos de uso que apliquen os recursos derivados do Proxecto Nós ao longo de todas as súas fases de execución.
Poderán participar firmas e entidades cun produto, un servizo, unha aplicación ou unha idea para seren desenvolvidos/as en galego. “Poderán beneficiarse do noso apoio e recursos para o desenvolvemento de casos de uso baseados en tecnoloxías lingüísticas e IA en galego”, explican dende o equipo de Nós.
O Proxecto Nós ten como obxectivo situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e da intelixencia artificial, mediante a creación de infraestruturas básicas como corpus abertos, modelos de linguaxe, tradutores automáticos, recoñecedores de voz e sistemas de síntese. Ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, a iniciativa contribúe á modernización do tecido empresarial e á creación de novos produtos e servizos baseados no uso do galego en contornas tecnolóxicas avanzadas.