O Sergas estrea servizo de videoconsulta dende o móbil

martes, 16 de marzo do 2021 Redacción

O secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información, Benigno Rosón, presentaron esta mañá o lanzamento da nova plataforma Sergas Móbil, mediante a que se integrarán todos os servizos dixitais do Sergas dentro da mesma aplicación. Entre as súas novidades, incorporase a posibilidade de acceder desde a propia aplicación aos servizos de videoconsulta con facultativos de atención primaria ou hospitalaria, sendo estes profesionais os encargados de prescribir ditas consultas.
A nova aplicación (dispoñible para iOS e para Android) deseñada polo Sergas tamén ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria virtual. Así, as persoas que descarguen Sergas Móbil, non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física, pois todos os seus datos tamén ficarán almacenados no seu dispositivo móbil. Cómpre subliñar que para gozar da tarxeta sanitaria virtual non é preciso contar cun certificado electrónico para acceder aos servizos administrativos básicos. Este requirimento, si será preciso para poder acceder á información clínica.
Neste sentido, as persoas que desexen retirar medicación nas oficinas de farmacia poderán realizalo dun xeito cómodo accedendo a esta aplicación, ao gozar esta tarxeta dixital, do mesmo valor que a tarxeta física.
Mediante esta nova aplicación, os seus usuarios poderán acceder dun xeito áxil e rápido aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser: a xestión das súas citas médicas, localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde, o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario, solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador, ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non sexa precisa a atención presencial.
Coa optimización da aplicación dixital do Sergas, un único usuario poderá facer as xestións médicas de varios pacientes conectándose desde o seu smartphone, co que se evita ter que inserir novamente os contrasinais para cada trámite.
Entre as características de Sergas Móbil destácanse as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade. Ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo Servizo Galego de Saúde, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.

Vídeo promocional de Sergas Móbil

PUBLICIDADE