O TEK-FEST xuntará memoria e tecnoloxía na súa segunda edición

xoves, 13 de xullo do 2017 Redacción

A II edición do TEK-FEST será un Encontro de Tecnoloxía e Patrimonio que conectará a memoria da cidade cos tecnoloxías emerxentes a través de distintos obradoiros e actividades que se realizarán en lugares emblemáticos de Pontevedra, do 25 ao 30 de setembro. A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías , xunto co concelleiro de Xuventude e Novas Tecnoloxías, Alberto Oubiña, e o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal , acompañados polo director creativo do TEK-FEST, Toño Cabanelas, e a directora de Esdemga, Lola Dopico, avanzou esta mañá as catro liñas de contido para esta edición do encontro e destacaron a integración dos «novos socios» que colaboran este ano no TEK-FEST.
A incorporación de Esdemga á organización do festival é unha das principais novidades deste ano nun TEK-FEST que quere mirar a distintos aspectos do patrimonio da cidade dende a perspectiva tecnolóxica e a artesanía dixital. E para iso proponse «crear sinerxías sumando novos axentes á organización deste encontro, como a Deputación de Pontevedra ou a Universidade de Vigo», subliñou Anabel Gulías. Pola súa parte, Xosé Leal destacou «a procura de novos públicos que buscan iniciativas como o TEK-FEST, coa misión de democratizar a tecnoloxía e facela accesible, ao tempo que se pon en valor un patrimonio moi vivo» como é o de Pontevedra. O concelleiro Alberto Oubiña manifestou a oportunidade que volve supoñer este evento para «situar a Pontevedra no mapa das tecnoloxías emerxentes a través do noso patrimonio, para demostrarlle ao mundo que somos potencia como país».
Lola Dopico insistiu na idea de poñer a colaborar distintas entidades en proxectos coma este e, no que respecta á Universidade, integrar actividades dirixidas ao estudantado pero tamén á comunidade investigadora. Nesta liña o grupo de investigación DX7 vén traballando dende hai un tempo nas conexións entre os procesos artesanais da moda e máis a tecnoloxía, un tema que estará presente no TEK-FEST deste ano a través do taller Calor+Memoria que impartirá Arantza Vilas de Pinaki Studios.
En canto ao concepto que preside este ano o festival, o seu director Toño Cabanelas, explicou que «se na súa primeira edición o lema do festival foi A cidade do futuro este ano o TEK-FEST quere realizar unha viaxe na outra dirección, do futuro ao pasado, que complete e enriqueza a experiencia do 2016, volvendo a mirada á memoria da cidade para seguir situando a Pontevedra na vangarda tecnolóxica».
A continuidade virá dada pola presenza da realidade virtual e aumentada, tecnoloxías que xa estiveron presentes na primeira edición do TEK-FEST, e que volverán protagonizar esta edición, nun momento de madurez no que «xa non se primará a tecnoloxía só, senón que os protagonistas serán os contidos. Queremos que a xente de Pontevedra poida acceder aos mellores contidos internacionais, tanto películas experimentais como contidos relacionados co patrimonio e a moda, e tamén imaxes en 360º producidas o ano pasado no propio TEK-FEST.». Será na Mostra VR que porá este ano en marcha o festival, outra das novidades desta edición.

Catro liñas de actividades

O festival este ano terá así catro liñas fundamentais de actuación. En primeiro lugar, un obradoiro de VR + Patrimonio, impartido por Bermudas Land, ofrecerá aos participantes a posibilidade de reconstruír imaxes antigas da cidade pasándoas a un formato inmersivo en 360º. O segundo obradoiro, coordinado por Esdemga, leva por título Calor+Memoria e achegarase á memoria téxtil da cidade a través dos novos procesos de tratamento de superficies. Será impartido por Arantza Vilas, deseñadora e investigadora galega afincada en Londres, onde creou Pinaki Studios, e que destaca pola súa investigación en novas materias téxtiles. Tamén é coñecida por ter deseñado parte do vestiario da serie Game of Thrones.
Outro dos pratos fortes deste ano será a Homenaxe aos Tekis do século XX, coa que o TEK-FEST quere reivindicar o patrimonio dos inventores galegos. Os protagonistas desta homenaxe serán este ano os irmáns Portela Seijo, de Santiago de Compostela, que foron pioneiros na enxeñaría acústica e audiovisual patentando inventos como o magnetófono de cable de aceiro, que quixo comprar Philips en 1942, ou o Organ Sound , o mítico altofalante feito a base de cilindros e inspirado nos tubos do órgano da Catedral de Santiago. Precisamente o Organ Sound será obxecto durante o TEK-FEST dunha reconstrución a cargo do artesán dixital Miguel Espada, do estudio Espadaysantacruz, que xa o ano pasado participara no TEK-FEST coa instalación Light Kinetics inspirada na ponte do Burgo de Pontevedra.
A reconstrución do Organ Sound permitirá volver á vida a este singular aparello e reconvertelo nun instrumento de música electrónica, un modular synth, co que se fará unha acción sonora e audiovisual no TEK-FEST que servirá de homenaxe pública aos Portela Seijo, coa presenza dos seus herdeiros.
Por último, a mencionada Mostra VR traerá a Pontevedra unha selección internacional dos mellores contidos en realidade virtual, co foco posto nos contidos experimentais e naqueles relacionados coa moda e co patrimonio. Esta mostra está patrocinada por Samsung, que proporciona varios equipos e gafas de VR para que todos os pontevedreses que o desexen poidan acudir a ver en exclusiva estes filmes.
Todas as actividades do TEK-FEST deste ano serán gratuítas, incluídos os obradoiros de VR + Patrimonio e de Memoria téxtil de Pontevedra, que teñen prazas limitadas. Estes obradoiros están dirixidos a estudantes de Belas Artes, Moda e Comunicación Audiovisual, e tamén a profesionais dos ámbitos do deseño, a artesanía, a imaxe e a cultura dixital. Nas próximas semanas faranse públicas as convocatorias para que as persoas interesadas poidan inscribirse nos procesos de selección de participantes. A inscrición poderá facerse a partires da última semana de xullo a través da web do festival.

PUBLICIDADE