O VLC estréase como aplicación universal para Windows 10

mércores, 29 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Tras un período en probas, o reprodutor multimedia VLC ábrese a todos os usuarios de Windows 10 cunha aplicación universal (dispoñible de balde na tenda de aplicacións) que permite a reprodución de audio e vídeo, con soporte de ficheiros en formatos MKV e FLAC, e capaz de elixir entre varias pistas de audio e subtítulos, integrando incluso un descargador de subtítulos, de xeito que temos un reprodutor multimedia multi-plataforma e aberto que continúa a medrar en plataformas dispoñibles, evitando que os usuarios teñan problemas con algúns ficheiros en formatos un tato raro que atopen pola Rede.
A dispoñibilidade de VLC como aplicación universal é algo especialmente ben recibido por usuarios de Windows 10 en contornos táctiles, que atopan así unha ferramenta máis doada de utilizar nos seus equipos.
Cómpre destacar que a aplicación aínda non funciona á perfección, e conta con menos prestacións que a versión de escritorio do reprodutor VLC, de xeito que, aínda que reproduza a meirande parte dos vídeos que atopemos, non será capaz de facer o mesmo con películas en DVD ou Blu-ray.