O VLC supera os 3.000 millóns de descargas

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

O reprodutor multimedia VLC está presente no CES de Las Vegas, nun expositor no que amosan en tempo real o número de descargas que ten rexistrado esta popular aplicación, o que fixo que fose moi visible o feito de que vén de superar os 3.000 millóns de descargas, aproveitando a ocasión para dar conta de detalles como que a cuarta parte das descargas xa corresponden á súa versión móbil ou o feito de que van incorporar en breve AirPlay, o que permitirá que os usuarios de Android poidan transmitir vídeos a dispositivos como o Apple TV.
No expositor de Videolan no CES tamén demostraban as posibilidades do VLC para a realidade virtual (sendo quen de amosar 20 películas en 2D nun cine virtual valéndose dun casco HTC Vive, para o que aseguran que tiveron que empregar enxeñaría inversa de varios cascos de VR para poder ser compatible con eles dende a aplicación de VLC.

O VLC é un reprodutor multimedia moi popular por permitir gozar de vídeos en case calquera formato sen complicacións

PUBLICIDADE