O creador da web inaugurou a Campus Party deste ano

martes, 29 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Valencia acolle toda esta semana a Campus Party, unha das festas informáticas de referencia na que 6.000 persoas se xuntan para compartir experiencias e coñecementos, así como para participar nos distintos obradoiros, campionatos, concursos, xogos e conferencias que completan este importante evento que nesta ocasión contou con Tim Berners-Lee como padriño, pois o creador da web estivo presente para ilustrar aos asistentes sobre o que podería ser o futuro da Internet, a web semántica (que algúns chaman a Web 3.0).
Na súa ponencia Berners-Lee tamén fixo un alegato en favor da neutralidade da Rede, pois a Internet «é unha infraestrutura fundamental», e nin gobernos nin grandes empresas deberían intentar controlar a tecnoloxía da Rede.
Pero nesta edición un fenómeno case eclipsou a figura do creador da web, pois fixo acto de presenza o personaxe de ficción Enjuto Mojamuto (do programa Muchachada Nui de TVE) e o seu autor, Joaquín Reyes. Enjuto fíxose moi coñecido nos últimos meses polos seus sketches humorísticos de contido tecnolóxico no que facía burla dos fallos da conexión á Internet, de Twitter ou dos programas antivirus, o que lle valeu moitos seguidores na Rede, que o seguiron ata a Campus Party.


Resumo da apertura da Campus Party

PUBLICIDADE