O director xeral de I+D presentou as actividades da Semana da Ciencia en Tecnópole, entre as que se inclúe unha mostra para investigadores noveis

martes, 14 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

Salustiano Mato, director xeral de I+D presentou este martes 14 en Tecnópole as diferentes actividades que este complexo empresarial ourensán vai albergar ó longo dos seguintes días con motivo da Semana da Ciencia, facendo especial fincapé na mostra que entre os días 16 e 18 de novembro vai converter ó concello de San Cibrao das Viñas (Ourense) nun centro de difusión de todos aqueles aspectos da ciencia cos que se consigue desenvolver vocacións investigadoras entre a mocidade. Trátase da mostra Expociencia Tecnópole, que servirá para estimular o espírito investigador de mozos e mozas de toda España e que albergará proxectos de I+D de rapaces de 12 anos en adiante. Segundo indica Tecnópole, “os investigadores mozos expoñerán traballos que van dende o eido social ata o medioambiental, pasando polo sanitario e o aeroespacial, en postos abertos ao público nos que eles mesmos explicarán os resultados e as conclusións das súas investigacións”.
Amais de facilitar a investigación entre a mocidade, esta iniciativa do parque empresarial tentará contribuír á difusión científica entre os visitantes da exposición (fica aberta ó público en xeral). Por certo que entre os proxectos presentados dende Galiza poderemos achegarnos ós traballos desenvolvidos por escolares ourensáns acerca das consecuencias dos incendios forestais na fertilidade do chan. Ademais, outros tres equipos de investigadores ourensáns explicarán os seus avances sobre o desenvolvemento dunha desalinizadora de auga do mar que funcione con enerxía solar, a depuración de augas reproducindo medios naturais e o deseño e construción dun prototipo de biodixestor para o aproveitamento enerxético da fermentación de materia orgánica (biomasa).
Segundo apuntaron este martes Salustiano Mato e os responsables de Tecnópole, arredor da devandita exposición xirarán outras actividades didácticas e formativas, como os obradoiros, “pensados para que os rapaces poidan achegarse ó método científico dun xeito ameno”.
Ademais, a partir do xoves está previsto que os escolares acudan en grupos organizados ó Planetario burbulla e que os profesores asistan a sesións formativas sobre unha metodoloxía contrastada e validada con éxito dende 1978 para integrar a investigación científica nos programas docentes, concretamente nos da ESO. Outra das actividades que se organizarán na Tecnópole con motivo da Semana da Ciencia é a exposición A través da enerxía, que ficará aberta dende o xoves até o final do mes de novembro, segundo apunta Tecnópole.
Cómpre sinalar que tanto estas como o resto das actividades da Semana da Ciencia en Galiza pódense seguir de preto na web Diverciencia.org.
Proxecto de colaboración con Caixanova
Durante a visita de Salustiano Mato á Tenópole tamén se fixo público un proxecto colaborativo de interese: o que veñen de formalizar a devandita Dirección Xeral (representando ó complexo empresarial ourensán) e Caixanova para levar a cabo iniciativas encamiñadas á potenciación dos sectores económicos nos que desenvolven o seu traballo as empresas do recinto de San Cibrao das Viñas e, en última instancia, de toda Galiza. Ademais, o acordo entre Tecnópole e a financeira galega servirá para crear novos servizos para as empresas do Parque, “sobre todo no eido das novas tecnoloxías e da formación, coas achegas e experiencias que neste senso poida achegar a Escola de Negocios Caixanova, que continuará a desenvolver os programas formativos de dirección empresarial que viña realizando”, apunta o complexo de San Cibrao nun comunicado.

PUBLICIDADE