O domingo celébrase o BlogDay para incitar á diversidade na blogosfera

venres, 29 de agosto do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro domingo celébrase a nivel mundial o BlogDay, que é unha celebración que chega xa á súa cuarta edición e que pretende espallar o coñecemento da blogosfera por parte dos usuarios de todo o mundo, propondo que todo o que teña un blog cree unha entrada falando do evento e recomendando 5 novas bitácoras que se consideren interesantes e que normalmente non estean dentro do círculo de espazos amigos (para promover a diversidade). Tamén animan aos participantes a etiquetar axeitadamente as entradas relativas ao BlogDay para que se poidan computar en Technorati as achegas a esta iniciativa que cheguen de todo o mundo.
O BlogDay non sería só un día para destacar a importancia dos blogs, senón que tamén pretendería superar a endogamia dominante en moitos destes medios dixitais que supoñen todo un fenómeno de masas nos últimos anos.