O enxeñeiro en Informática Carlos Eloy López Blanco, Premio Traxectoria Profesional do CPEIG

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) comunicou a identidade da persoa recoñecida este ano co seu Premio Traxectoria Profesional, que se vai outorgar no marco da da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (o 29 de outubro no Hotel Oca Porta do Camiño en Santiago). Segundo fixo saber, nesta edición 2021 o galardón irá dar ao enxeñeiro en Informática Carlos Eloy López Blanco, responsábel da oficina de Riscos Dixitais en Hijos de Rivera S.A.U., con máis de vinte e cinco anos de experiencia no eido da transformación dixital aplicada ao sector público e empresarial.
Carlos Eloy López Blanco naceu na Coruña en 1970. Pertence ás primeiras promocións de enxeñeiros en Informática titulados pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña, obtendo a súa licenciatura no ano 1993, e posúe o Diploma de Estudos Avanzados na área de coñecemento de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da mesma universidade.
O CPEIG destaca que a súa ampla formación está avaliada por numerosas certificacións entre as que destacan o Project Management Master Associate by George Washington University, a certificación ISO 22301 de Continuidad de Negocio, a Certified Cibersecurity Professional by ISMS Forum Spain, e o Mestrado en Ciberseguridade pola escola de negocios IMF. Actualmente é membro da primeira promoción da Trust-Formation Officer Certification de ISMS Forum Spain, organización dedicada a promover a cultura da seguridade da información, e dispón de formación certificada en negocios dixitais pola escola ThePowerMBA.
Dende a súa incorporación a Hijos de Rivera ocupou diversas posicións, destacando o seu labor como responsábel de infraestruturas tecnolóxicas. Dende fai dous anos é cross mentor do programa de aceleramento de novas firmas innovadoras TheHop, unha iniciativa que Hijos de Rivera pon á disposición do sector hostaleiro para favorecer a súa competitividade a través da dixitalización.
A principios dos 2000 foi pioneiro en Galicia na implantación gradual do novo paradigma dos centros de datos (datacenter), ao impulsar dende as instalacións centrais de Hijos de Rivera na Coruña o traslado e o uso compartido deste tipo de infraestruturas con outras organizacións, empregando tecnoloxías como a virtualización, o housing e o hosting, favorecendo o aforro enerxético e a sustentabilidade.
López Blanco participa asiduamente en foros sobre seguridade, ademais de colaborar en medios especializados. É membro fundador da directiva do capítulo galego do ISMS Forum Spain, dende a que lidera o proxecto CybersecurityInABox, que proximamente será presentado en Galicia, co apoio doutros actores de referencia na comunidade.
Grandes riscos para as pemes
López Blanco destaca o paradoxo que se da en España onde “existe unha alta preocupación por protexer ás grandes empresas, as que teñen os recursos para facelo, que en realidade só supoñen unha porcentaxe pequena do PIB, mentres que a maioría das pemes, o 99% do tecido empresarial, as principais xeradoras de riqueza no noso país, enfróntanse aos riscos dos ciberataques xeralmente desprotexidas ou con descoñecemento dos mesmos”.
Se ben explica que a protección absoluta é case imposíbel polo propio dinamismo das novas tecnoloxías, “a ciberseguridade debe enfocarse á lograr a resiliencia das organizacións, é dicir, asegurar a súa capacidade de supervivencia e o restablecemento da actividade coa maior celeridade tras un ataque ou fallo nos sistemas”.
Dentro do amplo panorama das ameazas dixitais, sinala que “as máis perigosas son as que afectan ás persoas, como os intentos de enganos ou roubo de informacións confidenciais, fraudes e suplantacións de identidade” e alerta da necesidade de “actuar con especial cautela cando se fan compras por internet, facilitando só os datos que sexan estritamente necesarios para a operación que se vai realizar”. Alerta que “tampouco hai que esquecer a nivel empresarial o perigo do ransomware, é dicir, o uso de software malicioso para o secuestro de información e o posterior pago dun rescate”.
Segundo fai saber, nos últimos anos Galicia comeza a erixirse como “un foco de referencia na industria da ciberseguridade grazas ás iniciativas público privadas existentes, ao medre do tecido empresarial especializado, e á oferta formativa das universidades.
En relación ao premio que recibirá a finais de outubro na Noite do CPEIG, desexou que este tipo de recoñecementos “axuden a prestixiar e facer visíbel o enorme valor da Enxeñaría en Informática, tendo en conta o imparábel proceso de dixitalización de todos os ámbitos das nosas vidas e a contribución desta disciplina ao desenvolvemento socioeconómico, especialmente mediante a innovación disruptiva das start-ups, cen por cen tecnolóxicas. Pasamos de practicamente só programar fai unhas décadas a ser axentes esencias no mercado, responsabilizándonos do deseño e xestión de infraestruturas e proxectos complexos, moitos deles absolutamente críticos para a pervivencia das organizacións”.
A Noite
A gala da informática galega celebrarase o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito

PUBLICIDADE