O festival Animacción chega a súa novena edición
xoves, 16 de outubro do 2025
O IX Festival Internacional de Cinema de Animación Animacción converterá A Coruña e Vigo en escaparates do mellor cinema galego, estatal e internacional entre o 27 de outubro e o 1 de novembro. O certame, promovido pola asociación Ánimas Anónimas, ofrecerá seis días de proxeccións e actividades destinadas tanto ao público xeral como a centros educativos de primaria e institucións especializadas.
As proxeccións de curtametraxes e longametraxes constitúen o eixo central da programación. No Concurso de Curtametraxes exhibiranse 12 obras na categoría xeral e sete na infantil, ademais dunha destacada representación galega dentro da sección Panorama Galicia Retro. As pezas presentadas proceden de autores de cinco continentes, aínda que as seleccionadas pertencen a España, Portugal, Francia e Reino Unido na categoría xeral, e a España, Honduras, México, Guatemala e Bélxica na infantil. As proxeccións permitirán gozar de diferentes técnicas de animación, como o 2D tradicional, o 2D cutout (empregado en series como South Park), o 3D e o stop motion.
O carácter internacional do festival reforzarase coa exhibición de longametraxes que inclúen o documental palestino The Wanted 18 e o filme The Tower, tamén de Palestina, así como o palmarés do festival portugués CINANIMA, o filme australiano Memorias de un caracol e a produción letoa Flow. As proxeccións abertas ao público terán lugar na Filmoteca de Galicia e no Fórum Metropolitano da Coruña, con entrada gratuíta. Porén, para The Wanted 18 e The Tower habilitarase unha taquilla inversa coa posibilidade de realizar doazóns voluntarias en apoio ao pobo palestino. O recadado destinarase, a través das asociacións Galiza por Gaza e Cabezón por Gaza, aos autores palestinos.
A entrega de premios porá o punto final ao certame. Concederanse tres galardóns: o Premio da Sección Xeral, decidido polo público asistente; o Premio da Sección Infantil, baseado nas votacións dos colexios participantes; e o Premio do Xurado, outorgado por profesionais do sector.
