O futuro da música dixital, a debate en dous encontros 2.0

mércores, 4 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A música xa non é o que era. Mellor dito: o negocio da música. Quen queira seguir turrando de vellos modelos de negocio vinculados sobre todo aos primeiros tempos do CD (porque o vinilo era outra cousa, máis barato e accesible para os seareiros), onde se fixaron uns prezos (elevados) que logo resultaron máis inamovibles que os pelos de Songoku... quen queira seguir facendo iso e sen achegar nada novo, lévaa clara. Dito doutro xeito: vaise dar cun canto nos dentes perante as posibilidades de negocio que, vinculadas sobre todo á Rede, están a xurdir por todos os recantos.
Co obxectivo de afondar precisamente nesta maré de novos camiños (algúns aínda por transitar, e outros só tanteados), estanse a organizar por todo o Estado encontros e cursos do máis variado, pero cun eixo común: botar luz sobre o novo negocio da música. Niso se apoian dous eventos a desenvolver en breve.
Por unha banda, o Curso de Xestión Profesional sobre o Novo Negocio da Música organizado (do 18 ao 20 de xuño en Madrid) polos Seminarios da Música e o IDEC – Universitat Pompeu Fabra. Este curso, que é itinerante e que estivo en Compostela para agora desprazarse á Cámara de Madrid, inclúe un programa intensivo de 20 horas de formación da man dalgúns dos máis senlleiros representantes do sector (empresas como Sony BMG ou Yahoo! xa confirmaron a asistencia). Analizaranse temas como a revisión do modelo de negocio discográfico ou como tirar partido das plataformas dixitais.
Máis ao leste no eido xeográfico e uns días antes cá devandita actividade formativa (17 e 18 de xuño), o Institut Catalá de les Indústries Culturals organiza un encontro sobre as novas canles de transmisión que adopta a música na actualidade e que, na súa face máis innovadora vén catalogada nunha chea de foros como “música 2.0”. A cita será na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Barcelona e, máis polo miúdo, o seu obxectivo é establecer un marco que poida achegar un novo punto de vista sobre a comercialización de música en contornos dixitais en Catalunya e no resto do Estado.
Para este ano, a organización conta cunha serie de convidados de renome. Como por exemplo: Karen Pearson, especialista en podcasts da BCC1 ou Ger Leohard, un dos poucos profesionais que, a xuízo do comité promotor do evento, ten deixado atrás o tópico da fin da música para afondar nos medios dixitais, as súas ferramentas e empregos e máis presente e futuro dos mesmos. Asemade, virán Ryan Schreiber (director da revista dixital Pitchforkmedia), Sergi Jordà (investigador en informática dixital e creador de Reactable) ou Simon Wheeler (director da área dixital de Beggars Banquet).