O noso patrimonio artístico e cultural pode explorarse a través da VR no Galiverso
xoves, 20 de outubro do 2022
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe a apertura de O
Galiverso empeza aquí, unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa da
Xunta para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do
emprego de tecnoloxías inmersivas.
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román
Rodríguez, participou esta tarde na presentación deste novo espazo no Museo
Centro Gaiás, no que as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias
diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e
sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias
galegas. No acto estiveron presentes
tamén o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xerente da
Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
As novas tecnoloxías que emprega o Galiverso permiten
amosar o patrimonio dunha maneira diferente á vez que respectuosa coa súa
conservación. Mediante uns lentes de realidade virtual e recreacións de imaxe e
vídeo de gran detalle, pódese camiñar polos tellados da Catedral de Tui,
visitar a cripta do Apóstolo Santiago ou percorrer en globo aerostático o Canón
do Sil sen saír do Museo Centro Gaiás.
A accesibilidade é tamén outro dos puntos fortes desta
instalación, xa que para gozar das experiencias non é necesario, por exemplo,
subir os máis de 230 chanzos ata a lanterna da Torre de Hércules nin
desprazarse ata as montañas dos Ancares para entrar nas pallozas que se
conservan no Cebreiro.
O Galiverso é tamén unha porta aberta ao futuro
Centro de Artes Dixitais de Galicia que acollerá o Gaiás, un centro pioneiro en
España que permitirá ampliar os modos nos que o público se relaciona co
patrimonio e impulsar o desenvolvemento de actividades innovadoras de apoio á
creación dixital nas industrias culturais e creativas.
Doce maneiras de vivir o Galiverso
As persoas que visiten o Museo Centro Gaiás poderán entrar
no Galiverso de maneira libre e gratuíta. A sala dispón de tres postos
con cadanseu equipo de realidade virtual, que poden operar á vez, aínda que a
experiencia de cada visitante será individual. Cada sesión dura uns 20 minutos,
durante os cales é posible vivir unha ou varias das doce experiencias que se
ofrecen.
Un mapa virtual de Galicia funciona a modo de menú desde o
cal se pode acceder a cada unha delas e seleccionar o idioma (galego, castelán
ou inglés) dos textos e audios explicativos que as acompañan.
Pódese contemplar o solpor en Fisterra, as vistas da Coruña
desde o cumio da Torre de Hércules ou o canón do Sil desde as alturas. Tamén
internarse na cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela, nos mosteiros de
Santa María a Real de Oseira e de Santo Estevo de Ribas de Sil, na torre de Xiá
en San Paio de Narla, no templo romano de Santa Baia de Bóveda ou nunha palloza
no Cebreiro, e percorrer a ponte romana de Ourense, a muralla de Lugo ou os
tellados da Catedral de Tui.
O Galiverso expandirase no futuro incorporando novas
experiencias de realidade virtual vinculadas non só ao patrimonio e ao turismo,
senón á ciencia e á experimentación. Así, poderemos somerxernos baixo a auga
para explorar os tesouros naturais e históricos das nosas costas, ou ascender
ata o espazo para descubrir Galicia desde outra perspectiva. A Xunta ten
previsto igualmente crear máis puntos de entrada ao Galiverso en
bibliotecas, museos de titularidade autonómica, e nos Polos Creativos dos
centros de ensino.
No Museo Centro Gaiás poderá visitarse de martes a domingo
en horario de tarde de 16:00 a 20:00, así como sábados, domingos e festivos
(excepto luns), tamén de 11:00 a 14:30.