O novo Google Desktop permite que certos gadgets accedan en remoto ó noso ordenador

luns, 8 de outubro do 2007 Marcus Fernández

iGoogle cun reprodutor multimedia de ficheiros remotos

Google está a levar o seu buscador de escritorio (Google Desktop) un paso máis aló, e aparte de facilitar a localización de ficheiros no noso disco duro ou mensaxes no noso correo electrónico, agora abre a porta ós gadgets de Google que poden relacionarse co noso equipo, de xeito que se poden incorporar á nosa páxina de inicio personalizada (iGoogle) ou a calquera outra páxina web dende a versión 5.5 Beta de Google Desktop.
Esta nova posibilidade permítenos, por exemplo, reproducir cancións almacenadas no noso ordenador dende calquera parte do mundo ou comprobar o estado do sinal Wi-Fi do equipo no que temos instalado Google Desktop, e suponse que en breve aparecerán moitos outros gadgets que permitan facer cousas co noso ordenador en remoto (o que resulta útil, por exemplo, para acceder ó equipo da casa dende o traballo) directamente dende a web, coa facilidade de no precisar da instalación de software específico no equipo cliente.