O novo iPad chegará a España o 23 de marzo

mércores, 7 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Esta tarde, miradas de todo o mundo apuntaban ao Yerba Buena Center, onde Apple convocou aos medios para dar a coñecer os seus novos produtos, nun evento que aberto por Tim Cook, máximo responsable da compañía que comezou inchando o peito amosando os últimos resultados da empresa de Cupertino, destacando que o 76% dos ingresos de Apple proveñen agora do iPod, o iPhone e o iPad, trebellos que están a marcar o que dan en chamar a era post-PC. Tamén adiantou que o sistema de recoñecemento de voz Siri xa entendía o xaponés (sumándose así ao inglés, o francés e o alemán), engadindo que hoxe sairá oficialmente o iOS 5.1 para os trebellos da compañía.

Tim Cook amosou o novo Apple TV no Yerba Buena Center

Cook tamén anunciou un importante cambio para a tenda iTunes, que agora xa soporta vídeo en alta definición a 1.080p (estaba limitada a contidos a 720p, o que era unha importante carencia fronte a outros servizos de vídeo) o que implica que tamén actualizan o seu Apple TV para soportar vídeo Full HD. O Apple TV renova a súa interface de uso e intégrase mellor con outros dispositivos de Apple, de xeito que as fotografías que tomemos no iPhone poderemos velas ao momento no noso televisor a través de Apple TV. A renovación do produto chegará a semana que vén sen modificar o seu prezo (que en España é de 119 euros, moi lonxe dos 99 dólares que custa nos EE.UU.).

Phil Schiller foi o encargado de detallar as características do novo iPad

Tras o momento Apple TV, tocou pasar ao prato forte da xornada, o novo iPad, o que Cook quixo comezar comparando o volume de unidades que o tablet de Apple vende co número de ordenadores persoais dos principais fabricantes (HP, Lenovo, Dell e Acer), aos que supera o tablet da compañía da mazá, deixando claro que estamos nun momento magnífico para un dispositivo que ten máis de 200.000 aplicacións deseñadas para aproveitar o seu tamaño de pantalla (sendo tamén capaz de executar as aplicacións feitas para iPhone).

As características anunciadas do novo iPad axustáronse aos rumores dos pasados días

Logo deste preámbulo, tocoulle a Phil Schiller subir ao escenario para dar a coñecer o novo iPad, trebello que parecía axustarse a todos os rumores que circulaban nos últimos días: terá unha pantalla Retina de 9,7 polgadas cunha resolución de 2.048 x 1.536 píxeles (o que supón unha resolución de pantalla de 264 dpi e unha resolución 1 Mpíxel superior a un vídeo Full HD), un procesador A5X que promete un rendemento gráfico 4 veces superior a un procesador nVIDIA Tegra 3, cámaras melloradas capaces de disparar imaxes de 5 Mpíxeles e gravar vídeo a 1.080p (con estabilización de imaxe e redución de ruído), ditado de voz (inicialmente en inglés, francés, alemán e xaponés) e conectividade LTE. A este último respecto advirten de que soportará conexións HSPA+ de ata 21 Mbps e LTE de ata 72 Mbps, coa posibilidade de establecer un punto de acceso Wi-Fi aproveitando a banda larga móbil (sempre que o operador contratado o permita).
A autonomía do novo iPad tamén seguiría na liña do anterior, chegando ás 10 horas no modelo Wi-Fi e 9 horas no modelo 4G; pero o grosor será lixeiramente superior, pasado dos 8,8 milímetros a 9,4 milímetros; chegará tamén en tamaños de 16, 32 e 64 Gb coa mesma estrutura de prezos do anterior iPad. As datas de lanzamento tamén se axustaron ao previsto, e confírmase que EE.UU. e outros mercados terán o novo dispositivo o vindeiro 16 de marzo, mentres que en España teremos que agardar ao día 23 para poder telo nas mans. O que si foi unha sorpresa é que o novo tablet, en vez de responder ao nome de iPad 3, iPad 2S ou iPad HD, coñecerase comercialmente coma o novo iPad (The new iPad).
Como aconteceu co lanzamento do iPad 2, o modelo anterior tamén reduce o seu prezo, de xeito que en breve os iPad 2 terán unha rebaixa de prezo de 100 dólares (que en España sería duns 100 euros).

Confírmase que a pantalla Retina será a principal prestación do novo iPad


Anuncio televisivo do novo iPad