O novo regulamento europeo en comunicación ao cliente, ao detalle nun seminario en liña do Clúster TIC
venres, 6 de marzo do 2026
O Clúster TIC Galicia, en colaboración co hub DATAlife, organiza o vindeiro xoves, 12 de marzo ás 15:30 h, o seminario en liña A nova regulación en comunicación e atención ao cliente: adaptación e oportunidades para o sector TIC galego, cuxa inscrición xa está aberta na Rede.
Trátase do segundo seminario en liña que ofrece a entidade no marco do ciclo de conferencias que está a levar a cabo para analizar, de forma práctica e detallada, como afecta a nova normativa dixital da Unión Europea ás empresas tecnolóxicas e como estas deben operar e ofrecer os seus servizos en base a este cambio regulamentario.
Segundo explica o Clúster, “as novas leis esixen certas obrigas ás empresas, pero tamén abren un amplo abano de posibilidades para innovar e diferenciarse”. E engade: “No caso da normativa relacionada coa comunicación e a atención ao cliente, esíxese o bloqueo de chamadas fraudulentas, atención en linguas cooficiais, gravación de chamadas, accesibilidade e prohibición de certos usos da intelixencia artificial”.
No webinario do vindeiro xoves 12, Jorge Cabaleiro, consultor de vendas na tecnolóxica galega Quobis, afondará nas oportunidades de negocio que se abren ante esta actualización da normativa, como o desenvolvemento de servizos de verificación e interoperabilidade, consultoría para o cumprimento, análise avanzada de datos e solucións tecnolóxicas adaptadas.
Temas destacados
O presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e Lucía Castro, xerente de DATAlife, farán a introdución ao seminario, no que se tratarán os seguintes temas:
-Lei de atención á clientela. A quen aplica, novos deberes (atención 24x7, linguas cooficiais, gravación de chamadas, accesibilidade) e oportunidades para o sector TIC (IVR, chatbots, omnichannel, xestión de reclamacións).
-Loita contra o fraude telefónica. Deberes para operadores e contact centers (bloqueo de chamadas con CLI fraudulento, uso de prefixos 800/900, verificación de identidade). Análise das primeiras estatísticas de impacto.
-Lei de Servizos Dixitais (DSA) e a Lei de Mercados Dixitais (DMA). Impacto na interoperabilidade, portabilidade de datos, transparencia algorítmica e novas oportunidades en servizos baseados en APIs e consultoría.
-Regulamento de intelixencia artificial. Prácticas prohibidas, IA de alto risco, deberes para provedores e usuarios, e o seu impacto no desenvolvemento e comercialización de produtos e servizos TIC en Galicia.
En palabras do Clúser, “este ciclo de conferencias é unha oportunidade excelente para que as empresas TIC galegas comprendan a normativa europea, anticipen riscos e descubran novas oportunidades de negocio, coma unha vantaxe competitiva que pode marcar a diferenza no mercado dixital”.
