O panorama galego de salóns dixitais de outono colle corpo co MIT 2007

venres, 14 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Mostra de Innovación Tecnolóxica Empresarial de Lugo (MIT 2007) constitúe unha das máis importantes aplicacións práctica dos obxectivos da Fundación CEL, organizadora do evento. Dito doutra maneira: o salón é un dos meirandes altofalantes cos que CEL se comunica coa sociedade lucense e, por extensión, toda a galega. Os obxectivos de MIT, que vai xa pola segunda edición e que se celebra en outubro, son os mesmos cós da Fundación, pero desta volta subliñando con trazo groso os termos comercio, novas tecnoloxías e competitividade. Ou sexa, que o que pretende CEL é darlle a Lugo o combustible que precisa para non ficar á marxe da Sociedade da Información e máis polo miúdo no eido das empresas, facilitando a estas o vieiro da incorporación ás tecnoloxías, o medre económico e as meirandes expectativas de mercado. Falamos pois de fomentar a cultura da innovación, que, como case todos os procesos que se basean en dirixir a vista cara a adiante, precisan dunha faísca que prenda.
O encontro, do que xa podemos obter información abonda na web habilitada, celebrarase no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e ten como dixemos o seu xermolo na Fundación CEL-Iniciativas por Lugo e na súa Sala de Innovación Tecnolóxica SITE, na que tamén colaboran a Obra Social de Caixa Galicia e máis a Consellería de Innovación. Este ano o salón MIT vai especialmente dirixido a salientar as vantaxes que as redes poden achegar ó eido do comercio galego, sexa tradicional ou non: ampliación de mercados, comunicación máis fonda e completa con clientes e provedores de todo o mundo, mellora na xestión, etc. Amais diso, o que se pretende é crear un punto de encontro para as iniciativas galegas, “permitindo establecer contactos comerciais, posibilitando a opción de comprobar o grao de satisfacción dos clientes potenciais ou reais respecto ós produtos que se expoñen, amais de reforzar a imaxe de empresa”. Segundo di a organización, o feito de que sexa prioridade nesta convocatoria fomentar o emprego das novas tecnoloxías no comercio vai converter en focos de interese ás compañías que presenten produtos e servizos como terminais TPV, desenvolvemento web e comercio electrónico, telefonía, identificación por radiofrecuencia (RFID), acceso á Rede, programas de xestión integral, WiMAX ou formación tecnolóxica.
Dito doutro xeito: MIT quere ser a linguaxe común que favoreza o contacto.