O parque europeo de Xbox 360 supera nun millón de unidades ao de PS3

mércores, 17 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A nivel mundial a PlayStation 3 está a ser a peor consola da nova xeración en vendas, pero en países como España aínda goza de saúde, pero a cousa parece que está a cambiar, e segundo información de GfK Chart-Track sobre as vendas de consolas en outubro e novembro en Europa occidental (España, Reino Unido, Italia, Francia e Alemaña) reflicten que a Xbox 360 está a superar á PS3 tamén no Vello Continente, de xeito que en vendas acumuladas a máquina de Microsoft superaría a Sony nun millón de unidades o que podería desmontar declaracións coma as do presidente de Sony Europa, David Reeves, que aseguraba que a PS3 superaba en 300.000 consolas á Xbox 360 «en territorios PAL» que, pese a que tamén incluiría a Australia, non parece corresponder coa realidade.
Este impresionante cambios nas cifras parece estar provocado pola baixada de prezos da Xbox 360 e a perda de exclusividades de Sony, o que fai que adquirir unha PS3 non compense (en boa medida porque as películas en Blu-ray non resultan relevantes para o consumidor) xa que o seu prezo é moi superior ao das consolas competidoras.
A Xbox 360 acadou en novembro en Europa o seu mellor mes de vendas da historia, polo que o argumento de Sony polo que desculpan a vantaxe da Xbox 360 polo mero feito de que leva máis tempo no mercado que a PS3 non se sostería, xa que a distancia entre as dúas consolas vai en aumento, tanto en Europa coma no resto do mundo.