O potencial tecnolóxico galego debuta con forza en GITEX Global 2025

luns, 13 de outubro do 2025 Redacción

O Clúster TIC Galicia participa por primeira vez con expositor propio na feira internacional GITEX Global, que se celebra en Dubái do 13 ao 17 de outubro, acompañado por seis empresas galegas: Quobis, Inverbis Analytics, Situm, Tarlogic, CTL e 2bedigital. Xuntas representan a metade das compañías españolas presentes neste evento considerado un dos máis relevantes do mundo en tecnoloxía, innovación, emprendemento e transformación dixital.
O obxectivo da delegación é abrir novos mercados no Golfo Pérsico e explorar oportunidades de negocio en Emiratos Árabes Unidos, Arabia Saudí e Qatar. «Sabemos que hai unha predisposición destas economías a colaborar con empresas como as nosas, o que supón unha excelente oportunidade para dar a coñecer o potencial tecnolóxico galego», sinala Iago Soto, responsable do Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster TIC Galicia e CEO de Quobis.
GITEX Global, que chega este ano á súa 45 edición, reuniu en 2024 máis de 6.500 expositores, 1.800 startups, 1.200 investidores e representantes de gobernos de máis de 180 países, con 200.000 visitantes. Segundo Soto, un dos seus atractivos é que «acolle a responsables de tecnoloxía de toda a rexión, con menor prevalencia de compañías americanas e maior presenza de firmas asiáticas».
As empresas galegas participantes presentan proxectos innovadores en ciberseguridade, análise de datos, xeoposicionamento e márketing dixital. Quobis amosa solucións de interconexión e seguridade en redes de voz; Tarlogic ofrece o seu modelo MxDR de detección e resposta ante ameazas; Situm presenta avances en GAIA, a súa tecnoloxía de xestión xeoespacial; Inverbis Analytics exhibe o proxecto SALUSBENCH, orientado á eficiencia hospitalaria; 2bedigital propón experiencias inmersivas en 3D e automatización con IA para marcas de moda; e CTL amosa a súa gama de dispositivos Chrome OS e solucións de videoconferencia.
Ademais de promover o talento empresarial, o Clúster exporta a imaxe de Galicia baixo o lema Technology from The World Ends, evocando o Finis Terrae de Fisterra. «No stand vai figurar o logo de Turismo de Galicia e un mapa cos 6.400 quilómetros que separan Compostela de Dubái, como fito quilométrico do Camiño de Santiago, así como unha imaxe icónica da praia das Catedrais», adianta Soto.