O presidente do CSIC avoga en Santiago por facer máis pontes entre a ciencia e as empresas

mércores, 5 de marzo do 2008 Fernando Sarasketa

Na sociedade na que vivimos, as ligazóns que unen o tecido produtivo ó tecido investigador non son tan fortes como sería desexable. Do libre fluxo de comunicación e de cooperación entre empresas e científicos só pode saír un froito: o progreso. Cara o fomento deste entendemento é cara onde se dirixiron onte en Santiago a Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e máis o presidente do CSIC, Carlos Martínez, durante o transcurso da conferencia Ciencia e sociedade: unha perspectiva dende o CSIC.
O encontro, que xirou sempre arredor da Investigación e o Desenvolvemento como a “mellor receita para a economía” (en palabras de Carlos Martínez), serviu tamén para albiscar ó lonxe algúns dos sectores de máis posibilidades no futuro.
Estes, casualmente, serían aqueles nos que a maridaxe científica-empresarial se dese especialmente forte, como por exemplo o desenvolvemento de novos fármacos a partir da secuenciación do ADN ou as células nai, un eido no que España tería que apostar firmemente favorecendo a creación de empresas de alicerce tecnolóxico, sinalou o presidente do CSIC. Asemade, salientou o abano de posibilidades que achega a bioenxeñería, sobre todo no que ten de potencial para a restitución da mobilidade en persoas con lesións medulares.
A xuízo de Martínez, quen interveu na Fundación Caixa Galicia nun auditorio ateigado (convidado pola devandita entidade financeira e pola Universidade de Santiago), é preciso promover dende o departamento que representa e dende os gobernos mesmos, estatais ou autonómicos, o incremento no investimento en I+D.