O prometedor futuro que nos depara a bioinformática, ao detalle na UDC

xoves, 15 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

A cadeira de rodas intelixente desenvolvida ao abeiro da Cátedra Handytronic da UDC e Telecon

Quen queira enfiar as súas investigacións cara a rica contorna de desenvolvemento onde conflúen as novas tecnoloxías, por unha banda, e as ciencias da vida, pola outra, vai ter este venres unha boa oportunidade para actualizar coñecemento. Será grazas á conferencia Bioloxía, a revolución que vén. Por que computacional? Por que bioinformática? A cita será no Edificio Área Científica da Universidade da Coruña. Está organizada polo Mestrado en Bioinformática para Ciencias da Saúde e a Cátedra Handytronic, responsábel, grazas os recursos reunidos pola UDC e Telecon, de enxeños tan salientábeis do ámbito biotech como a cadeira de rodas smart con capacidade para ser movida coas ondas cerebrais dos seus usuarios.
Segundo nos conta a UDC, na dita charla explicaranse os porqués de que a bioloxía computacional se teña convertido nun ámbito de estudo de primeira liña para o que nos resta de século XXI, sendo semellante o seu impacto ao xerado pola bioloxía molecular na segunda metade do século XX. “A bioloxía computacional, tanto nos seus aspectos de tratamento da información (bioinformática) como no manexo de hipóteses e modelos (bioloxía computacional), completará durante este século a revolución iniciada pola bioloxía molecular”, explica a Universidade da Coruña, engadindo que no transcurso da conferencia mencionaranse algúns exemplos e retos e comentarase a enorme demanda de profesionais formados neste eido.
A charla virá da man de Antonio Carvajal-Rodríguez, doutor do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo. O profesor-investigador, enxeñeiro técnico en Informática de Sistemas pola Universidade Nacional de Educación a Distancia, centra boa parte do seu traballo actual en empregar os computadores para avanzarmos na compresión dos diferentes tipos de escenarios evolutivos. Ten publicados numerosos artigos científicos en revistas de impacto internacionais e participou en múltiples proxectos de investigación nacionais e internacionais. Na actualidade é investigador principal dun proxecto do Ministerio de Educación e Ciencia sobre as causas e consecuencias da evolución da preferencia na elección de parella en poboacións naturais.

PUBLICIDADE