O proxecto do Consorcio para recrear Santiago en 3D segue a bo paso

martes, 29 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo informa estes días El Correo Gallego, o proxecto de dixitalización virtual do casco vello de Santiago posto en marcha hai un ano por iniciativa do Consorcio segue a subir novos chanzos no camiño de deixar para a posteridade un rexistro pormenorizado e en 3D do seu patrimonio histórico. Neste intre en concreto, a proposta está a pasar por un dos treitos de meirande interese: o da escolma dos datos dos labores arqueolóxicos do patrimonio da cidade realizados dende 1991 e o da construción dun gran mapa da urbe en tres dimensións. O obxectivo desta investigación en xeral: crear coñecemento manexable e que axude a explicar a cidade perante o mundo.
Os traballos dos científicos, co fin de que este labor de divulgación deixe a meirande pegada posible, baséase en boa medida no dito deseño dun mapa en 3D da Compostela histórica. A iniciativa, que como dixemos estase a levar a cabo co Consorcio para elaborar un Sistema de Información Patrimonial (SIP), podería concretarse a finais deste ano nunhas primeiras mostras de construcións e recunchos reais reconstruídos de xeito virtual. Isto vai ser posible grazas ao traballo despregado polo devandito equipo do CSIC ao longo do último ano, traballo que consistiu sobre todo na recolleita e procesado da información do casco histórico para o seu posterior rexistro e dixitalización.

PUBLICIDADE