O recinto de FIMO acollerá a Ferrol@Party entre o 4 e o 6 de maio

martes, 10 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O recinto feiral de FIMO acollerá do vindeiro 4 ó 6 de maio a Ferrol@Party, unha xuntanza encamiñada a poñer de relevo a importancia das novas tecnoloxías para a mocidade galega e, en última instancia, para a sociedade enteira da nosa terra. A party, na que se porán a disposición dos rapaces e rapazas inscritos todo tipo de ferramentas de última xeración destinadas a favorecer o intercambio de coñecemento, está organizada polo departamento de Xuventude do Concello de Ferrol.
A inscrición pódese facer xa a través da web da xuntanza, na que se irán incorporando ó longo dos vindeiros días máis detalles sobre o programa, que neste intre aínda ofrece unha feitura abondo provisional. A esta páxina, precisamente, é a onde deberán dirixirse os mozos e mozas que estean interesados en participar (a través dos foros ou do servizo de correo electrónico). O encontro desenvolverase no pavillón nº 5 do devandito recinto feiral, que ten unha capacidade de 2.450 metros cadrados. A Ferrol@Party conta amais co patrocinio de empresas como Dell, PC World, Netgear, Voz y Datos, Linux+, Grupo Academia Postal, MVC, Araceli Hermida Asesores e BT.