O reprodutor multimedia de Windows 11 poderá copiar música dos nosos CD

xoves, 14 de xullo do 2022 Marcus Fernández

Microsoft está a renovar un par de aplicacións de Windows 11, con novidades que xa poden probarse na canle para desenvolvedores, e que en poucas semanas poderán gozar todos os usuarios do sistema operativo da compañía de Redmond.
Por unha banda, a aplicación de Cámara estrea estética para adaptarse mellor a Windows 11, e incorpora un par de modos de captura que facilitarían a identificación de códigos de barra e de códigos QR, o que pode resultar de grande utilidade tanto para particulares como para profesionais.
Por outra banda, o Reprodutor Multimedia, que en Windows 11 optara por certo minimalismo, recupera a función de copiar música dende CD, que entre os formatos aos que pode converter a nosa música están AAC, WMA, FLAC e ALAC.
Tamén cómpre destacar que a aplicación de Películas e TV está a migrar a reprodución de vídeo en local ao Reprodutor Multimediia, o que supón a recuperación dun funcionamento tradicional destas aplicacións, o que podemos ver como un intento de Microsoft para que o Reprodutor Multimedia gañe importancia no sistema operativo.

PUBLICIDADE