O servizo de axuda en liña para vítimas de violencia de xénero rexistrou máis dun cento de consultas

luns, 5 de marzo do 2012 Raquel Noya

O servizo xurídico virtual para mulleres e vítimas de violencia de xénero, que a Secretaría Xeral de Igualdade puxo a andar en outubro do pasado ano para axudar a este colectivo desfavorecido no noso país, vén de acadar neste tempo as 115 consultas, realizadas dende o anonimato por persoas que non puideron ou non quixeron achegarse de xeito presencial ata algún dos Centros de Información ás Mulleres (CIM) que hai espallados pola xeografía galega.
Esta ferramenta de axuda en liña ten como obxectivo dar unha resposta áxil e persoal ás persoas que solicitan información ou asesoramento en materia de violencia de xénero, achegando, dende o outro lado do ordenador, a axuda que precisan estas persoas para tomar as decisións axeitadas cando se teñen que enfrontar a algunha situación de violencia doméstica ou maltrato.
Este servizo xurídico en liña ofrece en tempo real e de balde respostas sobre lexislación, violencia de xénero, conciliación da vida laboral e familiar, dereito de familia, agresións ou acoso sexual... asegurando en todo momento a confidencialidade dos datos da persoa consultante.
Dende a Secretaría Xeral de Igualdade informan que o maior volume de consultas procede da Coruña con 54, seguida de Pontevedra, con 39; Lugo con 10 e Ourense con 7, ás que se engaden 5 máis realizadas dende outras comunidades autónomas.
Por tramos de idade, as persoas de 26 a 45 anos representan o 64% das usuarias e o 41% das consultantes son persoas con estudos universitarios.
Polo tema das consultas, encabezan as entradas as relacionadas co acceso á asistencia xurídica de balde, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar e co dereito de familia.

PUBLICIDADE