O turismo galego e as novas tecnoloxías reúnen en Compostela a expertos na materia

xoves, 18 de outubro do 2007 Raquel Noya

O Seminario de Turismo e Novas Tecnoloxías organizado pola Consellaría de Innovación e Industria en colaboración con EGANET que se está a celebrar en Compostela dende o pasado 17 de outubro, vai recibir como relatores (o vindeiro venres 19 de outubro), ó director de Elogia Media-Galicia Banner, Rubén López Ferreiro; ó profesor da facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Manuel Gago; ó director de marketing de Sol Meliá, Antonio Batanero; e a Javier González Soria, director da División de Turismo de Google na Península Ibérica.
O obradoiro desenvolverase dende as 9:00 até as 12:30 horas no Pazo de Congresos de Santiago baixo o seguinte epígrafe: Como posicionar un espazo en Internet. Estratexias de marketing. Buscadores. Internet 2.0. Banners publicitarios. Será conducido polo responsable de informática de Turgalicia, Jorge Barreiro Rodas.
O posicionamento dunha web en Internet será a primeira mesa redonda dunha xornada na que tamén se tratarán os mecanismos para contratar unha web turística de calidade.
Este Seminario de Turismo e Novas Tecnoloxías está a congregar estes días a profesionais da administración pública e das entidades privadas, todos ligados ó sector turístico galego.

PUBLICIDADE