O último en creación dixital pode vivirse na Coruña

xoves, 11 de xullo do 2019 Redacción

Mundos Digitales abriu hoxe as súas portas cunha grande participación de público e a posibilidade de gozar de interesantes relatorios, coñecer tecnoloxías como un plató virtual xerado en tempo real mediante Unreal Engine (motor moi frecuente no mundo dos videoxogos) e participar nunha multitudinaria feira de emprego, que é un dos puntos fortes deste encontro.
Entre as actividades da mañá podemos salientar a charla de Mike Seymour, cofundador de fxguide, quen abordou o cada vez máis presente tema dos humanos dixitais en producións virtuais, sen esquecer a grande evolución dos chamados deep fakes. Esta tecnoloxía está a entrar nunha fase na que cada vez resulta máis complicado distinguir a realidade dos contidos falsos grazas ás novas técnicas de deep learning e á grande potencia das gráficas dos ordenadores que incluso permiten que estas falsificacións poidan realizarse en tempo real, o que abre grandes portas á creación e aplicacións que van máis aló da substitución de caras, e que poden xogar un papel moi importante no futuro do audiovisual.
Na xornada de mañá, venres, estarán Gonzalo Moure, Edgar Martín- Blas e Frank Vedvik expertos en realidade virtual. Moure, VFX Supervisor de Wework Farctory, expoñerá como se inviste a orde das prioridades entre pre e postproducción.
Realidade mixta & Roger Rabbit. Mesturando o mundo real e virtual, será o relatorio de Edgar Martín- Blas, Creative Director & CEO Virtual Voyagers. Esta tecnoloxía abandona o tradicional frame cadrado e válese de lentes como as Magic Leap para vivir unha infinidade de contidos que cobrarán vida ao redor do espectador.
Frank Vedvik, CG Artis The Future Groupe, será o responsable dun obradoiro no que se analizará a historia de Pixotope, unha ferramenta que naceu da necesidade da produción en tempo real, ademais de mostrar cales son os últimos desenvolvementos para os gráficos.
Como se crea a mítica Brigantia a partir da cidade da Coruña real? A esta pregunta dará resposta Sergio Prieto, cofundador de Gato Salvaje, a empresa coruñesa creadora do videoxogo The Waylanders. Prieto explicará todo o proceso de creación de escenarios reais que foron estudados e adaptados ás necesidades da historia fantástica do xogo, como ás limitacións propias do mesmo.
Outro dos bloques relevantes da xornada de mañá será o destinado para os efectos na publicidade. Jordi Barés, director creativo de Framestore, mostrará como se configura o pelo ou os músculos dos personaxes de alto nivel que protagonizan os anuncios.
Ramón Artemán, cofundador de Metropolitana, falará sobre o fluxo de traballo de postprodución e VFX en publicidade, ademais de como afrontar a reorganización do sector. Gabriel Garrido, VFX Supervisor & Senior Flame Artist Serena Dixital, centrará o seu relatorio na importancia da postprodución como elemento crave dentro dunha campaña publicitaria.
A maiores, os tres encargaranse xunto a Barés de explicar o papel que xogan os VFX na realidade publicitaria, ademais de debater sobre as dificultades que se atoparon no proceso de creación de campañas publicitarias con gran repercusión.

Premio Especial Mundos Digitales 2019

Gonzalo Rueda, CTO de Ilion Animation Studios, recibirá nesta edición o Premio Especial Mundos Digitales 2019, galardón que recoñece á traxectoria profesional e achegas ao mundo da creación dixital. Rueda é o responsable das cuestións técnicas do estudo que en 2009 creou a longametraxe Planet 51. O premio será entregado nunha cerimonia que terá lugar o sábado ás 13:00 horas.

PUBLICIDADE