O2 mellora as súas tarifas

xoves, 18 de agosto do 2022 Marcus Fernández

O operador de baixo custo de Movistar, O₂, anuncia a mellora das súas tarifas, que dende hoxe aplicarase aos novos e actuais clientes de xeito automático, e que supón un mantemento de prezos incrementando a velocidade das conexións de fibra e a cantidade de datos móbiles incluídos nas tarifas.
Por unha banda, as tarifas móbiles con chamadas ilimitadas e 30 GB de datos que custa 20 euros/mes pasará a ter 100 GB de datos sen incremento de prezo; mentres que por outra banda temos as tarifas combinadas de fibra e móbil moi revolucionadas: a tarifa de 38 euros/mes pasa de 300 Mbps de fibra e 25 GB de datos a 500 Mbps de fibra e 50 GB de datos; a tarifa de 44 euros/mes pasa de 500 Mbps de fibra e 30 GB de datos a 500 Mbps de fibra e 75 GB de datos; e a tarifa de 50 euros/mes por 600 Mbps de fibra e 60 GB de datos pasa a ter unha conexión de fibra a 1 Gbps e 100 GB de datos no móbil. Nas dúas últimas tarifas había a posibilidade de contratar liñas adicionais con 30 GB de datos por 15 euros/mes que agora pasarán a incluír 100 GB de datos.
Esta mellora de condicións de O₂ contrasta coa estratexia doutras compañías de baixo custo, que axustan ao máximo os prezos para captar a novos clientes, o que parece máis efectivo que mellorar prestacións que poucos usuarios aproveitarán.

PUBLICIDADE