Opera estrea un navegador web baseado en IA

martes, 30 de setembro do 2025 Redacción

A compañía norueguesa Opera puxo hoxe en mans dos primeiros usuarios Opera Neon, o seu novo navegador web que vai máis aló da integración dun chat con intelixencia artificial e aposta por converter o navegador nun asistente axente, capaz de executar tarefas complexas ou mesmo escribir código en nome do usuario, directamente no fluxo de traballo da web.
Un dos conceptos centrais do navegador son as Tarefas, espazos de traballo autocontidos que comprenden o contexto e permiten á IA analizar, comparar e actuar a través de múltiples fontes ao mesmo tempo. A idea é que cada tarefa funcione como un mini-navegador independente no que a IA entenda que está a facer o usuario e poida axudalo sen mesturar datos con outras actividades abertas.
Outro elemento clave son as Tarxetas, instrucións reutilizables que se poden combinar para obter resultados concretos sen ter que redactar sempre unha orde desde cero. Por exemplo, para comparar produtos pódese engadir unha tarxeta de extracción de detalles máis unha de táboa comparativa; para tomar notas de reunións, tarxetas que capturen decisións, accións e seguimentos. O usuario pode crear as súas propias tarxetas ou empregar as dispoñibles na tenda da comunidade.
Opera Neon tamén incorpora a función Neon Do, que permite ao navegador actuar de forma autónoma dentro do contexto dunha tarefa: abrir e pechar lapelas, encher formularios, comprobar información en varias páxinas ou recoller datos. Todo iso sucede localmente, en tempo real e de forma visible para o usuario, que pode pausar, guiar ou retomar o control en calquera momento.
O novo navegador web herda as prestacións clásicas de Opera –as lapelas, o Speed Dial ou o bloqueo de anuncios– e busca converterse nunha ferramenta de referencia para profesionais que traballan e viven conectados.
Cómpre salientar que Opera Neon preséntase como un navegador de subscrición premium orientado a usuarios avanzados, para o que xa hai unha listaxe de agarda para os convites que permiten probalo.

Vídeo promocional de Opera Neon