Opera renova o seu navegador para móbil con soporte Java

mércores, 29 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A nova versión para móbiles do Opera, Opera Mini 3.0, abre unha porta ós terminais de telefonía con soporte Java MIDP (a meirande parte dos teléfonos móbiles do mercado) ó acceso á Rede aínda que non conten cun navegador de seu.
Opera xa ten un navegador para móbiles avanzados (Opera Mobile) pero con Opera Mini incrementa o número de terminais que poden acceder á Rede, consultando páxinas web, acceder a fluxos RSS ou compartir fotografías.
O novo navegador é así unha plataforma que permite o acceso a servizo en liña coma MySpace, Blogger, Flickr, Facebook, Hotmail, GMail ou Yahoo! Mail, e incluso achega conexións seguras ó servizo de poxas de eBay ou á tenda de Amazon. Este navegador é de balde, polo que para usalo só e preciso contar cun terminal con soporte Java e contar cun móbil que se poida conectar á Rede (algo que hoxe en día permite facer tódalas operadoras de España).
O feito de que este navegador permite compartir as fotografías tomadas polo móbil a través de correo electrónico, foros ou blogs avanza no uso social destes terminais, e segundo Opera, este navegador xa conta con máis de 8 millóns de usurarios en todo o mundo, polo que o acceso móbil á Rede parece un servizo emerxente de moito éxito.