Oprah promociona o Amazon Kindle nos EE.UU.

luns, 27 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Jeff Bezos, fundador de Amazon, falando con Oprah Winfrey do Kindle

Nos últimos meses están a aparecer no mercado multitude de dispositivos de lectura baseados en papel electrónico que parecen todos o mesmo (pero vendidos por distintas empresas) destacando entre todos o Amazon Kindle, que ten como acerto o comercializarse cun servizo de descargas a través da rede de telefonía móbil de xeito que os seus usuarios poden acceder a un catálogo de máis de 190.000 libros, blogs, xornais e revistas que poden ler practicamente en calquera lugar, aínda que coas limitacións propias dunha pantalla de 6 polgadas con só 4 niveis de gris e unha resolución de 600 x 800 píxeles (167 puntos por polgada) o que resulta válido para acceder a texto, pero queda algo curto cando buscamos apoio gráfico.
O caso é que este terminal do que Amazon agarda chegar ás 380.000 unidades vendidas antes de rematar o ano podería gañar moita popularidade grazas á estrela da televisión Oprah Winfrey, quen asegura que o Kindle é a súa «nova cousa favorita» e o celebra cun desconto de 50 dólares no prezo do dispositivo para os seus seguidores, nunha oferta que remata o 1 de novembro.
Oprah asegura que «todos os que me coñecen saben que non son unha persoa de trebellos electrónicos, pero namorei deste pequeno bebé», recomendando ás persoas que encaixen no seu perfil (ou sexa, que lle teñan certo respecto aos ordenadores) que non teman ao Kindle, pois lles permite levar unha chega de libros cando vaian de vacacións sen ter que cargar fisicamente con eles. A figura televisiva tamén destaca o feito de que o Kindle permite descargar o xornal e ler os seus contidos sen erguerse da cama nunha mañá de domingo na que chove, así como o feito de que integra un dicionario.
Queda por ver se esta promoción é o paso que lle faltaba ao lector de libros electrónicos para converterse nun dispositivo de uso masivo nos EE.UU., mentres que en Europa parece que hai moita cautela sobre este tipo de produtos, e nin editoriais nin cabeceiras de prensa están a apostar firmemente por este tipo de soportes (e se limitan a lanzar experiencias piloto das que pouco chega a saber o grande público).