Orange estrea rede 5G en 5 cidades

luns, 7 de setembro do 2020 Marcus Fernández

En xuño Vodafone estreou a súa rede comercial 5G (o que en Galicia limítase a Vigo, A Coruña e Tui), e aínda que o resto de operadores aseguraron que non era a súa prioridade dar tal salto tecnolóxico, comezan a mover ficha, e Telefónica anuncia que antes de rematar o ano dará cobertura 5G ao 75% da poboación española, sumándose tamén agora a esta tendencia Orange, que hoxe anuncia o lanzamento da súa rede 5G en Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla e Málaga.
Os clientes particulares e de empresa de Orange que estean nunha zona con cobertura e teñan un teléfono compatible coa tecnoloxía 5G poderán xa gozar das bondades da nova xeración de telefonía móbil sen custo adicional, anunciando o operador que a partires de hoxe todas as súas tarifas pasan a ser 5G.
A compañía xa tiña no seu catálogo un bo número de smartphones compatibles coa 5G, e ten prevista a incorporación de novos terminais nas vindeiras semanas.
Cómpre detallar que aínda que se fala de cobertura en varias cidades, dentro das mesmas a cobertura dista moito de ser total, pois temos que ter en conta que estamos ante o espallamento inicial dunha tecnoloxía á que aínda lle queda moito por avanzar e, de feito, moitas das vantaxes da 5G non comezarán a percibirse até que se libere o segundo dividendo dixital, o que terá lugar en 2021, e que será cando os operadores poderán comezar a aproveitar frecuencias empregadas actualmente pola TDT para conseguir unha mellor cobertura (especialmente no interior das vivendas).

PUBLICIDADE