Os centros tecnolóxicos galegos amosan a súa experiencia e dispoñibilidade colaborativa perante uns 30 empresarios
luns, 7 de xullo do 2014

- Juan M. Vieites, presidente de ATIGA, e Jesús Lago, director xeral de AIMEN Centro Tecnolóxico
Arredor dunha trintena de
empresarios participou o pasado venres nun encontro sobre as
oportunidades da innovación colaborativa (a innovación que se
materializa botando man da unión de recursos, coma se dunha
comunidade 2.0 se tratase) celebrado no Centro de Aplicacións Láser
de AIMEN. A xornada, que tamén serviu para informar das liñas de
financiamento dispoñibles a día de hoxe para o desenvolvemento da
I+D+i, veu da man da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia
(ATIGA), en colaboración co Centro
de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). Durante a
sesión púxose de relevo a importancia que ten a innovación no
incremento da competitividade das empresas e deuse a coñecer o papel
que desempeñan os centros tecnolóxicos acompañando á industria
nos procesos innovadores e no lanzamento de novos produtos.
Juan M. Vieites,
presidente de ATIGA, e Jesús Lago, director xeral de AIMEN, foron os
encargados de inaugurar este encontro, salientando “a forte aposta
do tecido produtivo galego pola innovación e o apoio ofrecido polos
centros tecnolóxicos integrados en ATIGA”, entre os que se contan
Gradiant (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o CTAG
(automoción) ou o propio AIMEN (metalurxia e enxeñaría
industrial), entre outros. Segundo fixeron saber, ATIGA e os seus
integrantes desenvolven arestora arredor de 350 proxectos de
innovación, dos que máis de 60 son executados a nivel europeo,
amais de ter rexistradas máis de 40 patentes.
Na xornada tamén
participou Joaquín Vázquez, director comercial de AIMEN, que
incidiu no tres grandes bloques nos que se estrutura a oferta
tecnolóxica deste centro: I+D, ensaios e análises e servizos
industriais. Respecto da área de I+D+i, amosou a experiencia
adquirida na investigación de materiais avanzados, como adhesivos e
composites; en robótica, control e visión artificial (eidos
de gran interese para as empresas); en procesos avanzados,
especialmente coa aplicación da tecnoloxía láser; ou no medio
ambiente, no que se está traballando na mellora do tratamento de
augas en diferentes proxectos internacionais.
Na cita, amais dos
representantes de ANFACO-CECOPESCA, o CTAG e o CDTI, participou tamén
Fernando Jiménez, xerente de Gradiant, que subliñou a necesidade de
conseguir que as empresas saian a novos mercados tecnolóxicos, para
que poidan medir os seus produtos e procesos cos seus competidores,
“asumindo así un maior nivel de esixencia”. Tamén fixo un
percorrido polas diferentes liñas de actividade na que este centro
tecnolóxico apoia ás compañías en transferencia de coñecemento:
comunicacións avanzadas, sistemas intelixentes en rede, servizos e
aplicacións, información multimodal e eSaúde.
