Os clientes de Movistar Fusión tamén pagarán polo exceso de datos no móbil

mércores, 30 de marzo do 2016 Marcus Fernández

En abril de 2015 advertiuse de que Movistar comezaba a cobrar o exceso de tráfico de datos móbiles para os novos contratos ou para os usuarios que mudaran as condicións do seu servizo, e o operador de telecomunicacións repite agora a xogada cos seus clientes de produtos converxentes, e nas últimas facturas remitidas aos seus clientes de liñas Fusión infórmase da aplicación dun cambio de condicións no contrato móbil, que aplicarase a partires do 18 de maio, e que supón que a partires de tal data, superada a franquía de datos incluída na tarifa contratada, continuará a navegarse a máxima velocidade en modalidade de pagamento por uso a un prezo de 1,5 céntimos por megabyte ata 1 GB adicional.
Deste xeito, o usuario que exceda o volume de datos incluído na súa tarifa terá que pagar ata un máximo adicional de 15 euros, aínda que será posible mudar estas condicións chamando ao número gratuíto 223528, de xeito que poderase fixar o importe por exceso en 0 euros. En calquera caso, superado o límite de datos establecido en franquías de datos ou límites, poderase seguir accedendo á Rede a velocidade reducida sen custo adicional.
Estamos así ante a activación do servizo coñecido como Más Megas, que curiosamente agora os clientes de Fusión atopan activado en Mi Movistar e non poden desactivalo vía web.

Novas tarifas de roaming

Adicionalmente Movistar tamén informa de que a partires do 30 de abril, cumprindo coa nova normativa europea, muda as tarifas móbiles en itinerancia, que pasan a ser agora de 6,05 céntimos/MB para os datos, 6,05 céntimos/minuto a chamadas dentro da Unión Europea, 1,38 céntimos/minuto para chamadas recibidas dentro da Unión Europea e de 2,42 céntimos por mensaxe de texto (con destino na Unión Europea).