Os discos Blu-ray non conseguen prosperar fóra da PS3

luns, 4 de agosto do 2008 Marcus Fernández

A vitoria do Blu-ray sobre o HD DVD non parece dar os froitos agardados, e unha enquisa realizada por ABI Research amosou que fóra do seu uso coa PS3, os discos Blu-ray están a chegar ao mercado cun ritmo moito máis lento do que desexa a Industria.
De feito, máis da metade dos consultados non teñen ningunha intención de adquirir un reprodutor de Blu-ray, en boa medida porque non prevén a compra dun televisor de alta definición; do resto, o 23% afirmou que si mercarían un reprodutor de Blu-ray, pero non ata 2009.
Aparte da pouca penetración dos televisores de alta definición, os consumidores parecen estar conformes coa calidade do DVD, e só a metade dos entrevistados recoñeceron que a calidade da imaxe do Blu-ray fronte ao DVD e moito mellor, mentres que o 40% só a percibe coma un pouco mellor. Non hai que esquecer que o salto de calidade entre o VHS e o DVD foi moi grande, e tal contraste non é tan pronunciado coa nova xeración de discos (agás en casos moi puntuais, e na reprodución en televisores Full HD, que aínda non son habituais nos fogares).