Os filmes de Criterion terán unha plataforma de streaming de seu

venres, 1 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

A traxectoria española da plataforma de vídeos baixo demanda FilmStruck foi efémera, e tras chegar o xuño pasado dixo adeus en novembro, de xeito que o seu catálogo de grandes clásicos pertencentes en boa medida a The Criterion Collection quedaban orfos, aínda que esta situación parece que vai en vías de solucionarse, xa que veñen de anunciar que o 8 de abril botará a andar como plataforma de streaming o novo The Criterion Channel.
Esta nova plataforma limitarase inicialmente a EE.UU. e Canadá, sendo a súa primeira película da semana La traición de Mikey de 1976, un clásico de Peter Falk e John Cassavetes baixo a batuta de Elaine May, que poderá verse dende hoxe. Antes do lanzamento oficial da plataforma será posible gozar dunha película á semana, no que semella unha fase de proba para que o servizo funcione satisfactoriamente tras a súa estrea oficial.
The Criterion Channel poderá reproducir os seus contidos en equipos informáticos, Apple TV, Amazon Fire, Roku, iOS e Android e terá subscricións a 11 dólares/mes ou 100 dólares/ano (con descontos a quen se subscriban de xeito anticipado). Polo momento non hai previsión de prazos para a chegada do servizo a Europa.