Os fregueses do Páramo infórmanse dos horarios das misas a través do móbil

venres, 18 de novembro do 2016 Marcus Fernández

A aplicación Misas en O Páramo (Lugo) fai acto de presenza no último vídeo musical de Páramo Pictures

A estrea do último vídeo musical de Páramo Pictures, Vente Empacar, deu visibilidade a unha aplicación móbil para Android, Misas en O Páramo (Lugo), obra do párroco José Manuel Castro Alba, quen decidiu crear esta ferramenta dixital para achegar aos seus fregueses dun xeito cómodo información sobre aniversarios, funerais e festas patronais como xa viña a facer a través dun calendario de Google que tiña pendurado na súa bitácora de Internet, pero conseguindo un maior uso unha vez adaptado aos móbiles en forma de aplicación.

O párroco José Manuel Castro Alba amosando a súa aplicación móbil

José Manuel Castro Alba leva 11 parroquias, e ten identificado que entre os seus fieis hai un uso moi superior de smartphones que de ordenadores persoais, e incluso constatou que algunhas persoas de avanzada idade prefiren consultar os horarios das misas no teléfono que andar coleccionando papeis nos que figuran os vindeiros oficios (que cada tres meses reparte o párroco).
Cómpre lembrar que o despoboamento do rural e a falta de vocacións provoca que haxa un elevado número de parroquias atendidas por un reducido número de curas, de xeito que os fieis non sempre poden acudir ao centro de culto que teñen máis próximo para ir a misa, polo que gozar de horarios actualizados en liña supón dunha importante vantaxe, especialmente porque a edición impresa dos mesmos non é susceptible de reflectir modificacións).
Como importante vantaxe a aplicación cos horarios das misas no Páramo figura o feito de que ten unha versión web, que permite o seu acceso dende o smartphone sen ter que instalar a aplicación, o que resulta especialmente interesante para o caso dos usuarios de iPhone, que non teñen a aplicación dispoñible na App Store e con marcar o enderezo web como favorito xa poderían consultar de xeito doado os horarios dende o seu dispositivo móbil.
O párroco de O Páramo non se limita a ter aplicación e blog de seu, senón que tamén conta con presenza en Facebook e en Twitter, dende onte completa a súa relación cos fregueses demostrando o seu interese por tirar proveito das TIC para conseguir unha proximidade exemplar cos seus fieis.

A aplicación móbil amosa os horarios dos oficios dun xeito moi doado de consultar