Os organizadores da Galiciencia agardan superar cifras récord de participación este ano

luns, 29 de setembro do 2008 Raquel Noya

No marco da Semana da Ciencia, promovida pola Consellaría de Innovación (a desenvolver o vindeiro mes de novembro), vaise celebrar no auditorio de Ourense a segunda edición da Galiciencia, a feira científica que o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) organiza para os mais cativos da casa que senten curiosidade pola investigación.
O evento, que se celebrará entre o 18 e o 20 de novembro, prevé bater este ano un novo récord de visitantes e, logo de roldar os 2.000 na edición de 2007, a organización agarda acadar os 2.500 este ano, co incentivo que suporá a organización de actividades fóra do recinto principal coa iniciativa Galiciencia na rúa.
A Galiciencia é unha mostra aberta á participación de estudantes de tódolos cursos de Primaria, ESO e Bacharelato, sempre que conten coa axuda dun profesor que actúe como titor do proxecto.
Segundo veñen de informar os seus organizadores, o obxectivo da Galiciencia 2008 é “ser un punto de encontro entre os investigadores máis novos de toda Galicia”, aínda que tamén se contará coa visita de escolares doutros puntos de España, como vén sendo costume dende o primeiro certa organizado pola Tecnópole en 2006, a Expociencia, do que nacería posteriormente a Galiciencia.
A web da Tecnópole xa ten habilitado un formulario para tramitar a asistencia de grupos escolares en calidade de visitantes, así como as bases para participar no evento.
Os interesados en optar a un stand na Galiciencia deberán presentar unha memoria de non máis de tres folios nos que se describa o traballo que se quere expoñer e a finalidade dos mesmos.
Na imaxe, unha foto da pasada edición da Galiciencia vista no blog Física e química en Ribadeo.

PUBLICIDADE