Os premios de Ciencia en Acción recoñecen o labor da USC e o Consorcio de Santiago
martes, 5 de outubro do 2010

- O Programa Conciencia adoita a traer investigadores de especial renome, como Mohamed ElBaradei, á dereita da imaxe
Ciencia en Acción, programa hispano-luso de divulgación aberta, vén de pechar a súa undécima convocatoria, sendo Santiago de Compostela o emprazamento elixido para o desenvolvemento de toda a edición e mesmo do acto de clausura. O toque galego non só puido apreciarse no escenario físico das actividades, senón tamén na resolución dos premios que cada ano inclúe a iniciativa e que na modalidade de Divulgación foi dar a ConCiencia, o programa impulsado dende a Universidade e o Consorcio de Santiago para emprazar a investigación ao mesmo nivel comunicativo có común da cidadanía e (tamén) para situar a Compostela no centro mesmo da divulgación científica mundial. Segundo fai saber a USC, o pulo ao dito programa galego veu con feitura dupla: cunha Mención de Honra á iniciativa mesma e cunha Medalla de Honra ao coordinador, o galego Jorge Mira.
A entrega dos galardóns celebrouse esta pasada fin de semana no transcurso da fase final do certame, un dos de meirande prestixio a nivel peninsular, na capital galega ConCiencia, unha das cinco finalistas na categoría de Divulgación, ten o obxectivo de “difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura”.
Os galardóns abrangueron nesta edición dezaseis modalidades, premiando dende accións específicas de astronomía no eido educativo ata materiais para a aula, demostracións prácticas, material didáctico, publicacións escritas ou accións divulgativas. Promoven esta iniciativa o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Agência Nacional para la Cultura Científica y Tecnológica de Portugal (Ciência Viva), a Real Sociedad Española de Física (RSEF), a Sociedad Geológica de España (SGE) y a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), co apoio da UNESCO, entre outros organismos.
